Wednesday 18 de September de 2024

Ribeira remata o proxecto urbanístico do Polígono Industrial e avanza na búsqueda de financiamento


Onte celebrouse a sesión ordinaria do mes de xullo do Pleno da Corporación Municipal, antes de dar comezo gardouse un minuto de silencio pola memoria de Xosé Antón Parada Fernández, filólogo, teólogo, profesor de secundaria e concelleiro do BNG de Ribeira durante case oito anos.

Petición dunha sede do Rexistro da Propiedade

A orde do día contiña unha quincena de temas que comezaron coa lectura dunha declaración institucional do Concello de Ribeira sobre a creación dun “Rexistro da propiedade en Ribeira” que lle dea servizo a uns 56.211 habitantes, empresas, industrias e sectores económicos que se encadran entre os concellos de Ribeira, Pobra do Caramiñal e Boiro.

Aprobado por unanimidade o proxecto de urbanización do novo polígono industrial de Ribeira
O pleno da Corporación Municipal aprobou o proxecto definitivo de urbanización do polígono industrial coas modificacións que esixía a Deputación da Coruña e Patrimonio da Xunta de Galicia. Este proxecto xa conta con todos os informes técnicos favorables tras chegar o 12 de xuño o da Deputación e o 9 de xullo o de Patrimonio que eran os últimos que faltaban. Ademais, aprobouse o proxecto arqueolóxico; control da urbanización do novo polígono industrial, así como a prospección e control do abastecemento de gas ao polígono.

O rexedor, Pérez Barral puxo en valor a gran traballo que se está a facer por parte do persoal técnico do Concello así como polos membros do goberno para buscar o financiamento necesario para sacar este proxecto adiante. O alcalde apelou á oposición a remar xuntos no mesmo barco para que Ribeira poida ter un polígono industrial que faga que o tecido industrial local se consolide e que permita a outras empresas instalarse en Ribeira e tamén que as que están non se vaian por falta de solo industrial. “O custo do polígono industrial sitúase nos 13 millóns de euros, aos que habería que engadir 3,5 millóns para a conexión eléctrica, 1 millón máis para saneamento e auga e faltaría a conexión do gasoduto que está sen contabilizar” informou.

Barral destacou que xa se conseguiu o compromiso da Deputación da Coruña para mellorar a estrada que vai dar acceso entre a autovía e o novo chan industrial, o Concello xa é o promotor desa infraestrutura e faltaría agora o compromiso da Xunta de Galicia que é quen ten a competencia en materia industrial. “Imos seguir traballando arreo para que todas as Administracións se impliquen con Ribeira, coas nosas empresas e poidamos así, xerar emprego aquí”.

Segundo informou o tenente alcalde, Mariño de Bricio, a situación económica do Concello de Ribeira é que ten unha débeda de 13 millóns de euros e precísase que todas as administracións colaboren para que ese polígono sexa unha realidade porque non sería responsable poñer ao concello nunha situación de bancarrota.

Dende o goberno local informaron que para evitar pór en perigo o estado de contas do Concello, se lle enviou unha carta ao presidente da Xunta así como a varia Consellarías para solicitarlles reunións nas que estean representantes da Administración Local, Autonómica e tamén do sector empresarial ribeirense. O rexedor, Pérez Barral puxo en valor buscan todo tipo de financiamento e informou da subvención de 635.000€ concedida para a repotenciación da subestación eléctrica que dote de electricidade ao polígono.
A concelleira de Emprego, Genoveva Betanzos salientou que “este proxecto é unha actuación prioritaria para este goberno, para consolidar o tecido industrial e para proxectar un futuro para a xuventude”, reclamou tamén a implicación da Xunta “xa que teñen a documentación do proxecto dende marzo e non temos nova algunha”.

Con respecto a este tema tamén se aprobou unha moción de urxencia referida á expropiación de sete parcelas do novo polígono industrial, informándose que se farán alegacións ao Xurado de Expropiación de Galicia que subiu o custo nestas parcelas de 3,29 a 5,48€ o m2 polo que o Concello interporá un recurso de reposición para aplicar outro tipo de prezos máis baixos. Estas alegacións non afectarán ao transcurso do propio proxecto de urbanización refundido.

Ignacio González Montes

O pleno da Corporación aprobou por unanimidade a bonificación ICIO para a empresa Ignacio González Montes S.A. que consiste na redución do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras ao comprometerse na creación de 35 empregos (30 mulleres e 5 homes) de xeito indefinido no prazo máximo de 3 anos dende a data de concesión da licenza urbanística. A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, destacou que dende o goberno local velarase para que isto se cumpra xa que é positivo para a xeración de emprego.

Ordenanza do taxi

No quinto punto aprobouse inicialmente cos votos do Goberno e a abstención da oposición a ordenanza municipal reguladora do servizo de Taxis da cidade de Ribeira coa que se pretende garantir os dereitos das persoas usuarias, regula aspectos que até agora non había como o pagamento por medios telemáticos ou por exemplo dá maior seguridade xurídica para os profesionais. Suárez-Puerta añadeu que “este novo regulamento é para todos os taxistas en común e non se vai a facer ningún tipo de prerrogativa especial que decline a unidade do mesmo”.

Cesión antiga comisaría á Consellaría de Educación

Aprobouse definitivamente o expediente e posta a disposición da parcela municipal (antiga comisaría) a favor da Consellería de Educación, a concelleira de educación, Cruz Rivadulla sinalou que “a renovación e mellora deste espazo contribuirá a un necesario desafogo e ao desdobre do alumnado do centro máis masificado do Concello”. Segundo a concelleira este centro ten falta de espazo e isto permitirá que Educación poida gañar aulas para o alumnado. Do mesmo xeito, aproveitou a súa intervención para informar da xuntanza que mantivo o alcalde e máis ela con diversos directores xerais da Consellaría na que lle trasladaron as demandas dos centros educativos e unha delas era a necesidade dunha reforma integral para O Grupo. O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez añadeu que “os alumnos do Grupo van a poder ter unhas instalacións máis actualizadas ca incorporación da biblioteca, o ascensor e a cuberta”.

Modificación do Regulamento do Centenario

A modificación do regulamento de réxime interno do aparcadoiro do “Centenario” vai dirixida a facilitar que a veciñanza poida facer calquera trámite relacionado cos abonos mediante medios telemáticos ou presenciais. Segundo informou o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, “sabemos que até o momento só se podía facer por medios dixitais pero existen aínda dificultades para relacionarse coa Administración exclusivamente por medios telemáticos por iso esta modificación loita contra a chamada brecha dixital e imos facilitar que os trámites tamén se poidan facer presencialmente”.

Con respecto ao Centenario o rexedor, Luís Pérez Barral, informou que se están dando pasos adiante que permitirán “en moi pouco tempo” contar cun aparcadoiro completamente renovado e a bo prezo. Neste sentido Barral informou que ademais de cambiar o regulamento, o 1 de agosto entrará a traballar a nova empresa de conserxería “Cycle” empresa de economía social, tamén se van investir 1.200.000€ na renovación da praza exterior para rematar cos humidades que entran ou 170.000€ na renovación.

Estudo para a viabilidade de municipalizar o ciclo integral da auga

No punto dez aprobouse a prórroga por un ano do contrato denominado “Servizos de operación e mantemento para os Sistemas de Saneamento en Alto e Depuración Asociados á Edar de Couso e á Edar de Corrubedo”, neste punto Pérez Barral manifestou que “se está facendo un estudo de viabilidade para a municipalización do servizo de auga potable e depuración de residuos. Dende o goberno local informaron que ese estudo servirá para avaliar que será mellor dende o punto de vista económico, técnico e de prestación do servizo. A concelleira de facenda, Herminia Pouso aseverou que “é necesario facer un estudo do ciclo integral da auga para poder valorar”, tamén fixo alusión á falta de compromiso da Xunta cos problemas na rede de abastecemento e depuración do Concello á que lle reclamou maior implicación coas administracións locais.

No pleno tamén se aprobou outros asuntos como:

Adhesión á central de contratación creada pola Fegamp, contrato centralizado para servizos postais e telégrafos que repercutirá nuns prezos máis baixos por a realización destes servizos.
Incorporación ao inventario municipal do equipamento de arte escénico do Auditorio. Aprobouse unha moción por unanimidade para realizar melloras nas instalacións deportivas da parroquia de Olveira.
Por último, neste pleno tamén se deu conta da renuncia do concelleiro do Partido Popular, Rubén Lijó Santos que será substituído por Juana María Brión Santamaría.